Situación actual

Como se pode ver na nova entrega do Informe da Fundación AISGE sobre a situación sociolaboral dos actores, actrices, bailaríns en España en 2023 (https://www.aisge.es/estudio-sociolaboral-2023-de-la-fundacion-aisge-contenidos-integros), aínda que existe unha maior empregabilidade dos artistas, é a costa dun empeoramento das súas condicións laborais. Así, só o 23% dos actores e actrices en España superan os 12.000 euros de ingresos brutos anuais (unha cantidade aínda por baixo do salario mínimo interprofesional). Ademais, os que acadan uns ingresos nunha franxa de certa estabilidade económica, por riba dos 18.000 euros, nin sequera chegan ao 16% (9% entre 18.000 e 30.000, mentres que só o 7% estaría por riba deses 30.000). Pola contra, quen emprenden unha carreira artística a nivel profesional e non chegan sequera aos 3.000 euros de ingresos anuais constitúen o colectivo máis numeroso: o 48% do total.

Estas circunstancias obrigan a seguir insistindo naquelas propostas previstas no Informe da Subcomisión para a Elaboración do Estatuto do Artista (Boletín Oficial do Congreso dos Deputados das Cortes Xerais Serie D, no 373, do 20 de xuño de 2018, Páx. 4), pero que non se conseguiron e que consideramos imprescindibles para os nosos intereses e a defensa dos nosos dereitos. Seguiremos a loitar para que se creen grupos de traballo ou para que estas cuestións se incorporen agora ás mesas xa existentes.

Search
Search
Ir o contido